Este ano, o premio para agasallar as mellores cartas escritas ao Apalpador, lévao Mateo Ramos Rega, de once anos, que estuda no CEIP Castro de Ouro de Alfoz, cunha carta que nos emocionou pola súa sincera tenrura. Conta que a súa cadela Laika xa non xogaba con el nin coa súa irmá e que o veterinario lles dixo que era cousa da idade e pídenos que teña cachorriños para que volva ser feliz ou senón, que cando menos volva ter gana de xogar con eles. Tamén premiamos a carta de Samuel Acebo Rega, do mesmo CEIP, por unha fermosa proposta de repartir aire do Courel aos enfermos, probes, necesitados, maltratados, abandonados, explotados, etcétera, para solucionarlles os seus males. Finalmente premiamos a historia de Aroa Lomba Rodríguez, da Guarda, que estuda terceiro curso de primaria no CEIP As Solanas.

Xunto a estes premios quixéramos destacar unhas peticións, unha delas xa remitida ao Real Club Celta de Vigo e que escribe un pequeno xogador de fútbol, que quixera unha segunda equipación de Nolito. Outra petición vai para Concha, tía de Victor de Alfoz, e é que deixe de traballar un día, cando menos, que descanse algo porque a súa saúde ten moi preocupado ao sobriño. Tamén quixéramos facer chegar á Consellería de Educación que os nenos de Tebra lles piden ordenadores novos «que non se estraguen» (literalmente) e máis libros para a biblioteca. Finalmente outra, que desgraciadamente non está na nosa man, pide unha solución económica para a comarca de Ferrolterra.

Desde a Irmandade dos Apañacastañas quixéramos recoñecer o labor de tantos mestres que incluíron o Premio nas súas actividades extraescolares e mesmo escolares. O seu traballo para facer unha xeración mellor parécenos impagábel, abonda con ler centos (de verdade que centos) de cartas nas que as nenas e nenos piden con xenerosidade o remate da crise, o fin de todo tipo de violencias, de explotacións, de maltrato á Natureza ou axuda para os necesitados. Mesmo algunhas mestras escribiron as súas propias cartas até con ofrecementos para ser as nosas axudantas. Así, así esteades todo o ano.

Quixéramos finalmente agradecer aos colaboradores que lles dan os agasallos aos premiados: As Casiñas Do Ribeiro, Galaxia, OQO, Edicións Xerais, OZOCOgz, Biblos Clube de Lectores e Caurelor Castañas do Caurel, e por adiantado para ver se se animan, ao Real Club Celta de Vigo e mais á Consellería de Educación.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.