Get Adobe Flash player

O porque desta solución visual

Antecedentes

Non hai moito tempo que descubrimos ao Apalpador ou Pandegueiro (preferimos o primeiro) por medio da internet e da difusión que fixo sobre de todo A Gentalha do Pichel. Unha figura realmente tenra e merecente de todo o noso esforzo por recuperala. Trátase dun xigante que vén a noite de Nadal (ou a de ano vello) a tocarlles a barriguña a todas as nenas e nenos para ver se están mantidos e deixarlles unha presa de castañas ademais dos xoguetes. Unha figura incrible, unha tradición fermosísima e un rito marabilloso, entroncados coas tradicións do Norte da España e de toda Europa, mais tamén diferenciandose deles cunhas características propias.
Parece craro que, coma pasa cáseque sempre, a tradicións mestúranse, xúntanse novas con vellas, alleas con propias, para dar como resultado as que vive cada tempo. É a forma de evoluír, de espir de elementos que non interesan, ou engadirlle os que nos son máis afíns, as que determinan o xeito de continuaren. Son polo tanto as nosas peculiaridades as que cómpre salientar para acadar unha restitución da tradición, pois é posible que sexan elas os verdadeiros vínculos co pasado. Agora ben, estamos nos anos que estamos e temos que vivilos tal e como son, non podemos rexeitar a actualidade como se calquera tempo —e cousa— pasado fose o mellor. Por todo isto, pensamos que figura do Apalpador ten cousas que ao noso xuízo non son determinantes na tradición e cousas que se deberan redefinir. A imaxe(1) que se está a estender do Apalpador non nos parece nada afortunada para os días actuais: un señor farrapento con aspecto de esmolante parece cando menos difícil de dixerir como ídolo infantil para unha ampla maioría, sobre de todo polo que ten de marxinal; o oficio, carboeiro, ten unhas connotacións que desenvolveremos máis adiante. Para que os nenos de hoxe en día poidan asumir a idea dun personaxe, novo para a grande maioría deles, que verán coma un substituto dos Reis e mais do Santa Claus, haberá que amosarllo dun xeito máis ou menos máxico, con engado, teñen que ver nel algo que non poden ver nas demáis persoas que os arrodean, non pode amosárselle cunha figura marxinal e decadente.
E poida que o máis importante é que a restitución da tradición farase se é o pobo galego quen así o decide, desde logo sabemos que non será por contar co visto e prace da maioría dos estamentos públicos, nin das grandes áreas comerciais, nin falta que nos fai. A recuperación terá que ser de abaixo arriba, nunca ao revés, deberán seren eles os que asuman se queren o que o pobo teña consolidado.

 

As orixes da tradición

Os romanos celebraban a mediados de decembro unhas festas en honra de Saturno e ao remate das mesmas os nenos recibían agasallos dos maiores. Os nenos italianos reciben os agasallos navideños duna fada chamada Befana. No País Vasco dun carboneiro chamado Olentzero. En Cantabria e Asturias é un leñador, co mesmo aspecto que o anterior, chamado Esteru e que convive coas Anjanas, unha especie de fadas do bosque. En Cataluña e Aragón os agasallos saían dun tronco máxico chamado tió, lenda por certo existinte en Galicia da que cita Otero Pedrayo(2). No País Vasco existe tamén un tronco olentzero, ao parecer anterior á figura do carboneiro do mesmo nome. En España e algúns países de Latinoamérica son os Reis Magos os que traen os agasallos o día da Epifanía como recordo do ouro, incenso e mirra que lle levaron ao neno Xesús polo seu nacemento segundo a crenza cristiá.

 

O mito de San Nicolás

A figura que trae agasallos aos nenos polo Nadal con máis repercusión é sen dúbida a de Santa Claus, san Nicolás, Papá Noel ou Pai Natal. Pero san Nicolás foi un personaxe real (280-345) que naceu en Patara, Licia, Turquía. Foi bispo e tiña especial querencia polos necesitados. A lenda dos agasallos, podería estar baseada na historia dun pai que non tiña dote para as fillas e san Nicolás púñalle en secreto a cada unha delas unhas moedas de ouro nos carpíns que tiñan colgados das chimeneas para secar.

Algúns autores opinan que o mito de san Nicolás veuse mesturado co de outro Nicolás, un neno da Laponia (Finlandia) que quedou orfo coma o santo e ao coidado dos habitantes dunha pequena vila. Cada familia acollíao durante un ano xa que eran xentes de escasos recursos e el, para compensar, entallaba xoguetes de madeira cos que agasallaba ás familias acolledoras. Xa de adulto encargouse de fabricar e repartir os xoguetes entre os nenos das aldeas veciñas. Á súa morte os pais da zona continuaron o costume instaurado por este Nicolás.

 

De San Nicolás a Santa Claus

Ao parecer polo 1624 inmigrantes holandeses fundaron Nova Ámsterdam (logo Nova York) e levaron para o novo mundo o seu mito de Sinterklaas, o seu patrono que se celebraba entre o 5 e o 6 de decembro (por certo o comezo das Saturnalias). Washington Irving nas súas Historias de Nova York, traduciu o seu nome por un máis anglomorfo, Santa Claus. Clement Clark Moore narra nun poema en 1823 que “leva os agasallos nun reno arrastrado por trineos”. Ao ilustrador Thomas Nast se lle debe a súa fisionomía básica de gordo barbudo que xa non viste coma un bispo. No Reino Unido e Francia a figura retornou e déuselle o nome de “Bonhomme Noël” que vestía de branco con vivos dourados. Foi a finais do século XIX cando se consolidou a súa procedencia do Polo Norte e o transporte con trineo tirado por renos.

 

A falsa autoría da imaxe

Curiosamente se lle outorga na maioría dos sitios da internet a autoría da imaxe actual do Santa Claus, Papá Noel ou Pai Natal ao ilustrador americano Haddon Sundblom quen recibeu o encargo de The Coca-Cola Company de incluílo unha serie de anuncios da marca que apareceron en 1931. Francamente non entendo isto e senón mirade a continuación.
TheGoblinsChristmas27
Esta imaxe, obra do ilustrador Alexander Sharp incluída no libro The Goblins’ Christmas de Elizabeth Anderson, editado en Los Angeles por Segnogram Publishing Co. en 1908 (fonte: The Gutemberg Project). Amósase nela un Santa Claus que podería ser perfectamente actual.
1914SantaClaus
E esta postal navideña xaponesa datada en 1914 na que o Santa está configurado con todas as características actuais, chaqueta, pantalón, botas, gorro, barba e silueta gordecha pode servirnos como reforzo de que esa lenda urbana é falsa. Non parece lóxico supoñer que no Xapón do 1914 se usase a imaxe se non estaba consolidada nos Estados Unidos. Poida ser que Sundblom (máis ben Coca-Cola) fose quen máis popularizou a figura, pero por máis que observo as súas pezas, non lle vexo achega algunha máis ca da súa mestría estilística, pero non pode considerárselle o creador da imaxe. Se se teclea no Google “Haddon Sundblom” poderanse ver moitos sitios con coleccións das súas imaxes.
NastSanta1881
Existen ademais numerosas ilustracións americanas da última metade do século XIX, coma esta de Thomas Nast citado máis arriba, no que xa se pode ver unha indumentaria moi similar á consolidada actualmente. Polo que parece que se pode datar a creación da vestimenta do Papá Noel a cabalo dos séculos XIX e XX. Semella quedar claro que costou moitos anos quitarlle a connotación relixiosa de bispo para que poidese ser asumida por máis público que o exclusivamente católico malia ser unha festa eminentemente cristianizada e afortunadamente cada vez máis devolta ás orixes que a cristiandade lle arrebatou de celebración estacional.

 

Os casos máis próximos

Polo que se ve anteriormente, a forma exterior das figuras non é máis ca que máis se axeita ao tempo no que se consolida a figura e en certos casos é a personalidade a que se adapta aos tempos ou lugares.
Olentzero
O Olentzero é probablemente o máis consolidado da nosa contorna próxima, e o primeiro que hai que recordar é que a súa recuperación data de hai máis de cincuenta anos e se ben se lle outorga a imaxe dunha especie de campesiño co varal, chapela e blusa clásica vasca, en ningún caso ten connotación cutre, rústica vale, pero non probe. Penso que aí está a chave.

Tamén penso que por curioso cómpre salientar que para facer a película de animación 3D que se fixo do Olentzero, os deseñadores optasen pola vestimenta máis espida de connotacións antiguas, xa ninguén viste no agro vasco de blusón longo, pero manténselle a txapela e as abarkas e ao meu ver non perde nada de encanto nin de identidade. Só é unha evolución da imaxe cos tempos
BeldurrezkoAstea16Olentzero

 

Da crúa realidade á maxia

É bastante probable, e iso din os expertos, que tanto o Olentzero coma o Esteru e o Apalpador teñan a misma raíz, non somos antropólogos, e o estudo, se for posible hoxe, non é a nós a quen nos corresponde. É curioso por exemplo que no País Vasco, Galicia, Cantabria e Asturias, sexan carboeiros ou leñadores. Unha cousa que teñen os tres en común é a súa relación coa madeira e o lume, e ao tempo coa tradición do tió e o tizón, o tronco e o lume. Isto, enlazado por algúns co tronco da abundancia, é visto como o provedor dunha das necesidades básicas humanas, a calor no inverno. Ao lle engadir na Galiza as castañas estase a proveer da outra, o alimento.
Estes agasallos do solsticio de inverno son polo tanto o desexo de que se pase a época máis dura do ano con alimento e calor. A igrexa, cristianizadora de todo canto rito se lle puxo por diante, introduciu aos Reis Magos con máis sorte nuns países que noutros. Para mellor conseguilo desprenderon da maxia e o engado aos personaxes locais enraizados coas tradicións, e puxéronos en comparanza cos Reis Magos (xa o nome está composto de dúas palabras ben épicas). Logo, como o protagonista das celebracións do solsticio cristián é o neno Deus que recibe os mellores agasallos destes personaxes, aos nenos se lles dice que se se portan ben, os Reis traeranlle agasallos e senón carbóns. Curioso nonsí? «Se és bo veñen os Reis e tráenche bos agasallos e senón “eses personaxes rústicos que tendes vos” traeranche os carbóns, vaia xoia!» Algo así debeu ser o que se oía nalgún tempo, que ao cabo fixo relegar ao Apalpador ao isolamento rural que se resistiu en certa medida á importación do fenómeno dos Reis Magos e logo do Santa americano, pero co tempo o que quedou foi unha mestura do mito ao que probablemente se lle engadiron algunhas características, como a vestimenta (descripción innecesaria no mito) que ao noso xuízo son froito da deturpación posterior, que en algúns lugares foi tan forte que chegou a até a empregarse para meterlle medo ás nenas e nenos, mesturandoo e confundindoo con outros personaxes como o Home do saco.
É curiosa a habilidade na construción do mito de Santa Claus, que ao cabo é un santo, un membro da tradición sacra, da mitoloxía eclesiástica, que nos Estados Unidos, hábiles vendedores eles, se lle ispe da súa imaxe relixiosa para darlle unha máis de seu, con todos os tópicos dun bo home e unha vestimenta peculiar pero asumible no século XIX.

Apalpador02

 

A nosa proposta

Estamos a recuperar unha tradición prácticamente perdida dunha figura lendaria, todos os casos anteriores sono, e temos unhas bases que son as que valen para que teña forza e se estenda coma lenda masiva. Pero sendo realistas eu penso que debemos considerar varias cousas:

  • Unha figura cutre fai do Apalpador un personaxe marxinal.
  • Un personaxe marxinal só pode estar abocado á desaparición se desaparece a contorna que o sostén. Máis aínda se esta é flebe.
  • Estamos no século XXI e a nosa figura ten que competir no mercado con figuras respaldadas por grandes capitais.
  • Que a creación dunha imaxe nova, moderna e asumible por calquera, de carácter perfectamente infantil, que ao cabo son os principais destinatarios, pode ser a chave para o exito da súa difusión
  • Que aos nenos actuais, bombardeados de informacións e imaxes, hai que darlles algo máis de maxia ca que lle pode achegar un señor con aspecto de esmolante

É por todo isto polo que se pretendeu espir de elementos innecesarios na vestimenta facéndolle fundir o pelo e a barba coa roupa. Pode levar unha coroza (3) cando sae polas devesas e unha especie de túnica ou capa cando viaxa fóra. Nos pes, zocos(4). Na cabeza loce boina e os seus longos cabelos e barbas son rubios(5). Leva consigo un zurrón máxico de coiro no que garda as castañas para os nenos.

 

Quixeramos salientar que a imaxe do Apalpador coa coroza non debera entenderse como única, como unha pel propia senón coma un aspecto básico, loxicamente o Apalpador na súa casa vestirá de camisa, chaleque e pantalóns, coma tantos. A idea é ofrecer unha icona, unha figura propia doada, identificábel e asumíbel. A imaxe que gostariamos de espallar tería nos actos públicos, como aparicións polas rúas nas épocas de Nadal, unha túnica similar á dos antigos preregrinos a Compostela pero en cor laranxa e con barbas e melena curta rubios de xeito que case se confundan pelo e roupa, na testa, boina e o fol onde leva as castañas no hombreiro. Pola mesma idea de darlle unha miguiña de maxia afastandoo do imaxinario próximo dos nenos.

 

 

Vestimenta

 

 

(1) Non nos estamos a referir ás ilustracións de Leandro que nos parecen moi boas, senón ao aspecto do personaxe.
(2) Lenda do Tizón de Nadal ou Cepo de Nadal descrita así por don Ramón Otero Pedrayo:

É un cañoto grande dun árbore, que nas montanas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano pra cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, pra arredar o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla pra botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume.
O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de Hespaña. En Cataluña vén ser o que chaman o tió, no que baten os nenos da casa pra que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro.
A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos.

(3) coroza: Peza de palla empregada para protexerse da chuvia, pode estar feita de palla trenzada ou xuncos e disposta en capas para evitar que entre a auga.
(4) Diferénciese zocos de zocas, os primeiros son unhas botas de coiro con sola de madeira, unha pequena marabilla tecnolóxica dos nosos artesáns coireiros, as segundas son todas de madeira.
(5) Para os castelanfalantes recórdese que en galego rubio é vermello non marelo, aos rubios casteláns chamámoslles louros, ou loiros

 

Fonte: Elaboración propia a partir de dados da Wikipedia, The Gutemberg Project e outras webs das que se tiraron informacións puntuais.