Autora: Olga Rodríguez Vicente

 

Coñecendo ao Apalpador

A Escola de Educación Infantil de A Gándara é unha unitaria do Concello de A Guarda
cunha sola aula e unha única mestra que se ocupa dos tres niveis do segundo ciclo da Educación
Infantil (temos outra mestra itinerante e compartida de inglés). Polo tanto, tódas as actividades
desenvolvéronse no propio Centro: aula, vestíbulo, patio e porche. Na aula leváronse a cabo a maior
parte das actividades; no vestíbulo colocamos o mural do Nadal, xa que deste xeito, todas as nais e
pais miran diariamente os nosos avances e …comentan, preguntan, e desta forma, tamén chegou a
eles e elas o noso propósito: coñecer ao Apalpador.

 

Obxectivos:

Incluír a figura do Apalpador nos personaxes do Nadal.
Popularizar o seu coñecemento entre os máis cativos e entre o resto da comunidade educativa: nais, pais e todas as persoas que acoden á cole.

 

Actividades:

Se teño que facer unha secuencia das actividades levadas a cabo na aula para introducir a figura do Apalpador as podería resumir deste xeito:

  • 1.º día.- Lectura do libro «O Apalpador»- Xoán G. Edit. Biblos
    Esta lectura estivo rodeada de moito misterio posto que acababamos de recibir o pedido. O seu envoltorio e o dos xogos que o acompañaban contribuíu a crear un ambiente moi propicio para a súa lectura.
    Despois repartinlle a cada neno un puñado de castañas e con elas traballamos conceptos matemáticos: numeración, moitas/poucas, xuntas/separadas, máis/menos, etc.
  • 2.º día – Explicación dos xogos: puzzle do Apalpador e o dos encaixes das castañas. Facemos o recuncho do Apalpador onde colocamos as castañas, o libro e os xogos. Actividade libre no recuncho.
  • 3.º día- Ampliamos a figura do Apalpador, observamos a súa vestimenta e as súas cores e entre todos coloreamos o noso gran Apalpador para colocalo no mural de Nadal xunto con figuras tan coñecidas como os Reis Magos e Papá Noel cos seus renos.
  • 4.º día.- Reparto copias a tamaño folio do Apalpador, e cada neno colorea o seu. O pegamos sobre unha cartolina e esto sería a portada dos seus traballiños de Nadal.
  • 5.º día.- Memorizamos e recitamos:

    Vaite logo, meu meniño
    Marcha agora para a camiña.
    Que vai vir o Apalpador
    A apalparche a barriguiña.

  • Xogamos a apalparnos a barriguiña uns a outros á mesmo tempo que recitamos a cantiga. A escribimos no ordenador e a colocamos no noso mural
  • 6.º día.- facemos o mesmo con «así, así esteades todo o ano!»
  • 7.ºdía.- Moldeamos con limpapipas prateados as letras do Apaldador e llas colocamos no mural.

 

Materiais:

  • Ceras brandas Manley
  • Limpapipas prateados
  • Puzzle Apalpador
  • Gomets-Estrelas de cores
  • Libro “O Apalpador”
  • Xogos castañas Apalpador
  • Fotocopias

 

Conclusións:

  • Os medios de comunicación (TVG) e prensa contribuíron a reforzar o dado na clase. Algún neno chegou á cole eufórico porque xa vira á Apalpador na TV e outro ata nos trouxo un recorte de prensa.
  • Apuntar que algúns nenos/as tiñan un certo temor a que os visitase polo feito de ser un xigante. Solucionouse a través das conversas.
  • Tendo en conta que se partiu de cero, xa que non se coñecía o Apalpador, destacar que toda a comunidade educativa viñan o cole e falaban do Apalpador.
  • Na escola funciona os fins de semana “O libro viaxeiro”. Un dos libros que vai viaxar será o do Apalpador. Este será un xeito máis de contribuír a espallar esta figura.