O premio para agasallar ás mellores cartas escritas ao Apalpador vai para unha nena de 9 anos que pide que o Apalpador lle traia forzas a unha amiga que padece leucemia e un doante de médula para curala. Por razóns obvias de protección da intimidade da nena enferma manteremos o nome da premiada no anonimato. A carta, que sobrecolleu aos encargados de outorgar o premio, ten pasaxes coma os que van a seguir:

«…Todos os anos facía unha lista moi longa de xoguetes para pedir, pero iste ano só vou pedir dúas cousas: 1.º Quero que sepas que teño unha amiga ingresada no hospital cunha enfermidade que chaman leucemia… e que lle des forzas e ganas de seguir loitando contra a enfermidade. 2.º Todos os días estou escoitando aos meus pais que a miña amiga está pendente dunha doazón de médula… pídoche que apareza alguén para doar a médula…».

Ademais desta carta premiaronse as de María Guerra Sandoval e a de Noa Sobrino Lamas do CEIP Amaro Refojo de Verín. A primeira delas, cunha marabillosa inocencia, pide unha serie moi curiosa de agasallos e remata «…que a miña casa sea como antes, porque sabes Apalpador este ano queimouseme», amosando unha rara enteireza para a súa idade.

Outorgouse ademais o premio para as cartas dos máis pequenos á de Tamara, de Agolada, que con seis anos, logo de sincerarse e dicir que se porta regular no cole, pide que «…nenas e nenos sexan felices e vivan con dignidade…» a seguir pide un cabaliño de madeira.

Entre as marabillosas cartas que recibimos atopamos moitas moi curiosas que facían peticións do máis peculiar, coma unha mestra nova que poña menos deberes, ou portarse mellor para que non se enfaden os pais, aprender a estar calado en clase para que non se estrese a mestra, que unha nena queira a un neno, que as e as irmás e os irmáns xoguen con elas ou eles, ou que «non lle fagan a vida imposible»… Outras cartas non tiñan peticións, eran só cartas de amizade. Pero todas amosan un contacto coa realidade e en xeral unha conciencia social e ecolóxica que nos prende unha chama de esperaza en que o mundo que deixen os nosos fillos sexa un pouco mellor que o que recibiron.

Quixeramos salientar desde a Irmandade dos Apañacastañas o traballo feito polo CEIP Amaro Refojo de Verín, a Biblioteca Pública e CEIP de Agolada así como ao CEIP de Aguiño.

Queremos agradecer, así mesmo a colabración de tantos que axudaron a que isto fose posíbel: Caurelor Castañas do Caurel, Delicias do Souto, Trebellos Xoguetes, Museo de Pontevedra, Fol musica, Biblos Clube de Lectores, Ulträqäns Corunha, OZOCOgz, Entretempos, As Casiñas Do Ribeiro, A Raíña Verde, Edicións Xerais, O Caramuxo, Nice trip, O Rei Zentolo, Galaxia e OQO.

2 thoughts to “Unha carta dunha nena de 9 anos, que pide un doante de médula para unha amiga con leucemia, gaña o Premio de Cartas ao Apalpador 2013

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.